A Pascua chega ao Mercado de Abastos de Pontevedra cunha programación especial de O Ganapán

 

A Concellería de Promoción Económica de Pontevedra deseñou unha Semana Santa chea de Ganapán para os máis pequenos. A programación especial da iniciativa de lecer infantil estará orientada á temática da Pascua e estenderase durante nove días consecutivos, dende o sábado 1 ata o domingo 9 de abril. Os talleres celebraranse no Gastroespazo do Mercado de Abastos en horario de 11:30 a 13:30 horas, permitindo que a rapazada de entre 4 e 10 anos desfrute da elaboración de orelliñas de coello, galiñas de Pascua ou biscoitos de Pascua, entre moitas outras opcións gastronómicas e lúdicas.

O programa impulsado pola concelleira socialista Yoya Blanco traerá consigo propostas moi interesantes para facer desfrutar aos nenos e nenas de Pontevedra, comezando o sábado 1, con obradoiros nos que poderán realizar unha versión vegana dun clásico de tódolos tempos, o biscoito de cenoria, e outro no que terán ocasión de confeccionar un cono de cenoria porta lambetadas. Na segunda xornada, o domingo 2, os rapaces participantes farán unha marioneta de coello de Pascua que os levará ata Grecia para probar os seus tradicionais doces desta época do ano, a koulourakia e as galletas gregas.