A oitava edición da ViBoMask enxalzará a tradición e a historia etnográfica do medio centenar de territorios que participarán coas súas máscaras
A VIII edición de ViBoMask continuará a enxalzar a tradición e historia etnográfica dos territorios que se dan cita nesta manifestación cultural a través dos seus grupos de mascaradas. Esta nova edición celebrarase do 17 ao 19 de marzo, nos municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, cun variado programa de actividades que inclúe charlas, actuacións, exposicións, conferencias, en definitiva, unha ampla e variada programación para achegar a todos os estamentos da sociedade o seu valor cultural.
A presentación de ViBoMask 2023 tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e o presidente da Asociación Robreda, Jorge Domínguez.