A Deputación edita unha guía con 17 itinerarios para bici de montaña polos arredores de Lugo

 

Esta mércores presentouse no Pazo de San Marcos a guía “Rutas en bici de montaña polos arredores de Lugo”, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. A publicación inclúe 17 itinerarios na contorna da cidade, con diferentes niveis de esixencia e dificultade, de entre dúas e seis horas de duración estimada. A descrición dos itinerarios no papel acompáñase dun código QR a través do cal se poden descargar os tracks das rutas, facilitando o manexo da información en dispositivos móbiles.

Marco López Grande e Manuel Piñeiro López, dous dos autores da guía, debullaron o seu contido durante un acto no que participou o deputado de Deportes Efrén Castro. O responsábel provincial valorou a publicación como “unha guía de referencia para coñecer a comarca de Lugo e a súa contorna en bicicleta” e “unha mostra de como o deporte na natureza pode contribuír a coidar e dar a coñecer o patrimonio e o territorio”.