A Deputación de Lugo anuncia un Plan de Sostibilidade Turística para conseguir 1,5M€ de investimento dedicado aos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciaron o sábado un Plan de Sostibilidade Turística en Destino para a comarca da Ulloa, un “ambicioso” proxecto co que a institución aspira a conseguir 1,5M€ para investir nos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla concorrendo aos fondos mobilizados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para mellorar e diversificar o sector turístico de acordo cos obxectivos da Axenda 2030.

O mandatario provincial presentou o plan nun acto público organizado pola Deputación no Castelo de Pambre ante representantes dos concellos e do tecido social, cultural e económico da comarca da Ulloa.

O proxecto, explicou o Presidente, inclúe “un amplo paquete de accións dirixidas a reforzar o turismo como un sector que crea riqueza e emprego, e que polo tanto, contribúe a fixar poboación no noso rural. Un obxectivo ao que estamos totalmente dedicados na Deputación”. 

José Tomé enmarcou a decisión de presentar este Plan de Sostibilidade Turística en Destino, “primeiro polo compromiso firme que mantemos dende a Deputación coa comarca da Ulloa, e tamén porque, dentro do proxecto que temos para o conxunto da provincia, marcamos como prioridade o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente ao sector primario e ao turismo”.