Santiago destinará 520.000 euros á posta a punto da Praza de Abastos, segundo monumento máis visitado da cidade
O alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, presentou xunto ao concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, e o xefe do Servizo de Obras, Antonio Ranedo, o proxecto de reparación e mantemento da Praza de Abastos co que se substituirán as marquesiñas, os estores verticais e as portas corredizas das naves. Tamén se renovará a instalación eléctrica da torre e realizaranse actuacións de fontanería para emendar incidencias recorrentes no baño adaptado. O mercado é o segundo monumento máis visitado da cidade, un inmoble que suscita un importante interese nos visitantes da capital galega.
Na rolda de prensa o alcalde salientou que esta reforma "permitirá mellorar a funcionalidade da Praza de Abastos en beneficio dos placeiros e da propia clientela, ademais de facela máis atractiva do que xa é". Ademais, Gonzalo Muíños explicou que todas as obras levaranse a cabo "en horario de tarde" para garantir o "funcionamento normal da Praza de Abastos".