Rueda confirma a creación en Ourense da área de turismo termal para consolidar Galicia como un referente no sector


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou onte a creación da Área de Turismo Termal, con sede en Ourense, tal e como lembrou que se comprometera na súa sesión de investidura e da que adiantou que ten como principal obxectivo a proxección exterior de Galicia como un referente no termalismo. Galicia é a primeira potencia termal de España, en gran parte grazas a Ourense que é a segunda cidade europea con máis fontes termais, de aí a localización da Área de Turismo termal, que se encargará -segundo explicou o mandatario galego- de “coordinar e asumir” todas as decisións e iniciativas en materia de termalismo, cuxas competencias ata agora estaban repartidas entre diferentes consellerías. E incidiu que e terá como obxecto principal reforzar a faciana do termalismo que ten máis proxección exterior, “que é a de recurso turístico”, precisou.