O turismo recupérase plenamente en Santiago ao superar por primeira vez o millón e medio de pernoctacións

 

En 2022 marcáronse novos máximos turísticos na cidade, tanto en pernoctacións como en pasaxeiros no Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro e no número de Compostelas entregadas.

O ano 2022 foi o ano da plena reactivación turística da cidade, segundo afirmou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi na que fixo balance dos principias datos turísticos do ano pasado e na que estivo acompañado pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Sindo Guinarte destacou que no 2022 a cidade marcou tres máximos históricos nas principais variables turísticas da cidade, superando os datos do ano 2019 e confirmando a forza da recuperación turística de Santiago. O concelleiro destacou que estes tres máximos históricos confirman que a cidade soubo aproveitar a oportunidade que brindou a prórroga do Ano Santo no 2022.

En concreto, apuntou que os datos do INE do mes de decembro confirman que Santiago superou por primeira vez no 2022 o millón e medio de pernoctacións nos establecementos hoteleiros da cidade, con 1.510.915. Ademáis, tamén no 2022 superáronse por primeira vez os tres millóns de pasaxeiros no Aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro. E por primeira vez se superaron as 400.000 Compostelas entregadas na Oficina de Acollida ao Peregrino.