O Godello reina en Valdeorras e non parta de medrar


O ano 2022 supuxo o récord histórico, dende que hai rexistros, de cualificación de litros de viño por parte da D.O. Valdeorras. En concreto, no último ano cualificáronse 4.651.978 litros. Cinguíndonos exclusivamente á última década, as estatísticas do Consello Regulador amosan que a porcentaxe de viño cualificado incrementouse nun 26,65% ao pasar de 3.673.102 litros en 2013 á cantidade actual (+4,6 millóns de litros).

Os datos do organismo reflicten, asimesmo, que tras 2022 o ano no que máis viño se cualificou foi 2016, con 4.131.572 litros, seguido de 2015, con 4.061.386. Porén, 2022 foi o único ano do milenio no que a cifra superou os 4,5 millóns de litros certificados.

Unha parte importante deste incremento no número de litros de viño cualificados ten que ver co interese crecente polo godello. En 2022, só desta variedade cualificáronse 3.148.145 litros. Este dato evidencia que na actualidade, só de godello, estanse a cualificar e comercializar máis litros de viño dos que se certificaron de todas as variedades da D.O. xuntas, en certas anualidades deste século.

Obviamente, o aumento da cantidade de litros de godello cualificados en Valdeorras vai parello ao dato de incremento da superficie plantada desta variedade. Durante a última década, pasouse de 306 hectáreas de godello en Valdeorras (en 2013) a 559 (en 2022).