O desfile do Entroido de Ourense conta xa con 23 comparsas inscritas, con 900 participantes, e o prazo segue aberto

 

O desfile do Domingo de Entroido (19 de febreiro) de Ourense 2023 conta xa con 23 comparsas inscritas, cun total de 900 persoas participantes, cando aínda non rematou o prazo de inscrición, que segue aberto até o mércores 15. O goberno municipal valora moi positivamente a alta participación, que “vai en proxección de exitazo”.

O Concello de Ourense aumentou este ano os premios e as axudas para fomentar a participación nesta tradicional cita do Entroido da cidade. Está aberta a todas as asociacións, grupos, colexios, etc. que o desexen, e pode realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, utilizando os modelos dispoñibles na páxina web do Concello e na Concellería de Artes e Festexos. No caso de asociacións ou entidades, a inscrición será a través de sede electrónica do Concello. O prazo de inscrición rematará o mércores 15 de febreiro ás 14 h.

Animado polas charangas Dr. Anchoa, Trópico de Grelos, CLK e Castro Bello, o desfile sairá ás 16.30 h e percorrerá o treito desde As Lagoas, rúa Curros Enríquez, rúa Xoán XXIII e rúa do Progreso. Nesta rúa, a continuación, terán lugar as actuacións do grupo Assia (19 h), e King Africa (19.30 h), a entrega de premios do concurso (20.30 h) e unha segunda actuación de Assia.

Os grupos participantes poderán optar a premios de até 1.000 euros (3 premios para as mellores comparsas con máis de 10 compoñentes e outros 3 para as de menos de 10); tamén haberá galardóns especiais (500 euros) para as comparsas máis numerosa; a máis ocorrente ou graciosa e á de mellor animación / musical; e de 500 euros para as carrozas con mellor deseño e animación. As bases destinan tamén axudas para todos os grupos e carrozas que completen o desfile e non acaden premio.