O alcalde de Ferrol: “A futura cafetería no Castelo de San Felipe contribuirá a desestacionalizar as visitas”

 

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada, María Rivas; o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, visitaron ante o Castelo de San Felipe con motivo do recente anuncio por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico da concesión dunha axuda de preto dun millón de euros para rehabilitar a batería alta da fortaleza e acondicionar unha cafetería na Casa do Comandante. 


Trátase dun proxecto froito do refundido de tres: un sobre a conservación e mantemento da batería alta do Castelo e dous para a rehabilitación da Casa do Comandante, o primeiro centrado nas envolventes (exterior) e o segundo no seu acondicionamento para uso como local hostaleiro (interior). O goberno local que dirixe Ángel Mato encargou este último e posteriormente optouse por refundir os tres (os dos primeiros xa estaban preparados) á vista das novas convocatorias de axudas estatais nas que encaixaban proxectos de maior importe. Foi por elo polo que o pasado verán o Concello de Ferrol presentou este proxecto refundido a unha liña de axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.


O Castelo de San Felipe é unha “xoia patrimonial” que está nun “marco incomparable” da cidade. Esta intervención fará posible “seguir gañado atractivo turístico”, dixo Mato, quen lembrou que durante o pasado ano foron preto de 42.000 as persoas que o visitaron.