A Gran Final das Series Mundiais de Triatlón aparece xa no horizonte. Faltan preto de oito meses para que Pontevedra acolla o maior evento deportivo de todo o país programado para este 2023, a cita máis relevante dentro da competición profesional desta disciplina. Así, hoxe, 2 de febreiro, o comité organizador volveu ter unha reunión en Pontevedra co fin de seguir avanzando na súa xestación e posterior posta en marcha.
«Seguimos aclarando números, tomando decisións e preparando xa non á cidade, senón a toda a provincia para acoller esta cita», comentou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. «Queremos facer fincapé nesa idea primordial que é a de non ser só un evento deportivo, xa que queremos que isto sexa unha experiencia total, unha experiencia vital para os participantes, os equipos e as súas familias». Trátase tamén de aproveitar o tirón deste atractivo para promover o turismo e a gastronomía de Pontevedra.