Santa María de Xeve contará cun roteiro circular de 5,7 quilómetros que dará a coñecer a súa riqueza patrimonial. O Concello de Pontevedra ten en carteira o deseño e creación de máis percorridos deste tipo para outras parroquias do rural.
«Os tres Xeves (Verducido, Santo André e Santa María) teñen unha riqueza patrimonial incríbel. Teñen diferentes tipos de patrimonio e de diferentes épocas, indo do etnográfico ao relixioso, pasando polo histórico», segundo salientou o concelleiro de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, que presentou a iniciativa acompañado da edil Pilar Comesaña e o representante da asociación cultural Sondexeve, Manuel Hermida.
O novo roteiro, de dificultade baixa, é circular, cun trazado de 5,72 quilómetros. Parte da igrexa de Santa María, pasa pola Torre Vella, o pazo de Gondar, o cárcere de Gondar, o miradoiro da Pedreira, A Forca, a Casa da Audiencia, as pedras do Becerral, o Outeiro do Castro, o miradoiro do Outeiro Vello, o cruceiro do Regueiro, o muiño vello, a casa dos Monteagudos, a casa da Sancristana, a casa antiga do Concello e remata no punto de inicio.
Os novos elementos de sinalización estarán compostos por diversos paneis informativos que darán conta dos elementos patrimoniais que teñan ao seu carón. Tamén haberá postes que indiquen a dirección do percorrido.
Dende o concello salientan que, en base a experiencias pasadas e actuais, un dos mellores xeitos de conservar o patrimonio é a través da súa posta en valor, amosándoo e ensinándoo. «Debemos lograr, ademais, que a veciñanza sexa partícipe tamén deste patrimonio e destas accións».