O Concello de Navia da Suarna, en Lugo, celebra o domingo a XXXII da Festa da Androlla. A celebración foi presentada onte na sala de xuntas do Pazo de San Marcos, nun acto no que estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o alcalde de Navia da Suarna, José Fernández Fernández; e a produtora de androlla María del Carmen Sánchez, propietaria de embutidos Suarna.
Esta cita gastronómica supón un revulsivo importante a nivel económico para Navia, e tamén contribúe a promocionar o concello e, polo tanto, a dinamizar a actividade turística, da hostalería e do comercio. A representante da institución provincial felicitou ao Alcalde a todo o seu equipo de Goberno “polo excelente traballo que están facendo, tanto para mellorar o día a día dos seus veciños e veciñas, como por seguir impulsando, con enerxía e ilusión, iniciativas como a Festa da Androlla”.