Millonada para fomentar a agricultura ecolóxica


A Xunta dotará con 9 millóns de euros anuais as axudas para fomentar a agricultura ecolóxica, empezando polas correspondentes a 2023 e deica 2027, ata un total de 45 millóns de euros para o próximo período da Política Agrícola Común (PAC). Así o anunciou o conselleiro do Medio Rural, José González, no marco da reunión mantida hoxe coas organizacións profesionais agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia - Asaga- e Federación Rural Galega -Fruga-) e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) por este motivo.

O conselleiro puxo en valor este esforzo orzamentario, que supón un incremento anual de máis do 130 % sobre o presuposto previsto inicialmente para 2023, que era de 3,9 millóns de euros, e unha subida do 183 % en relación co destinado no 2022, polo que de facto case se multiplica por tres con respecto a esa anualidade.

A partir destas cifras, o conselleiro amosou o seu convencemento de que son fondos máis que suficientes para chegar a todos os potenciais solicitantes e reafirmou o obxectivo da Xunta de que ninguén quede sen axuda. Por iso, segundo engadiu, faise un importante esforzo para dar unha resposta moi firme á espectacular evolución que está experimentando a produción ecolóxica.

Nesta mesma dirección, o conselleiro considerou especialmente importante asegurar que ningún produtor quede fóra nesta convocatoria de 2023, porque nela hai que orzamentar o compromiso de permanencia por un período de cinco anos. Este foi, ademais, un compromiso que se asumiu por parte da Xunta en sede parlamentaria e mesmo diante de todo o sector na xuntanza do Consello Agrario do pasado 16 de xaneiro. Así, “escoitamos, atendemos e estamos moi satisfeitos do incremento da superficie e da xente que está disposta a apostar pola produción en ecolóxico e temos que estar á altura con esta aportación financeira desde a Xunta”, segundo lembrou o titular de Medio Rural.

Na última década a superficie ecolóxica inscrita en Galicia rachou todas as expectativas e aumentou un 127 % ata superar as 45.500 hectáreas no primeiro semestre de 2022. José González deu máis datos e sinalou que se pasou das 32.000 ha de comezos de 2021 a preto de 49.000 ha a 1 de xaneiro deste 2023, segundo os datos que aporta o Craega.