Grandes cociñeiros galaico - portugueses recalaron en Lugo para promocionar os produtos da Eurorrexión

 

Confituras de pato e licores do Barco de Valdeorras, galletas e tartas lucenses ou embutidos artesáns e queixos autóctonos. Son algunhas das mercadorías que esta fin de semana puideron adquirirse na Feira Gastronómica “Sabores do Eixo” na que tamén se deron cita grandes mestres dos fogóns como o chef na Escola de Hotelaría e Turismo de Porto e da Quinta do Casarao, Felipe Costa, ou Alejandro Méndez (Arrocería os Cachivaches) e Nardo Eiroa (Canedo Restaurante) xunto ao alumnado da Escola de Hostalaría Sanxillao.

Até o domingo, Lugo convertiuse no escaparate da excelencia gastronómica e artesanal de Galicia e o Norte de Portugal coa celebración dun evento, no que colaboraron tanto a Deputación Provincial como a empresa Hijos de Rivera, que visibilizou a calidade da materia prima dámbolos dous países e o bo facer dos seus cociñeiros.