Formoso destaca a aposta da Deputación pola dixitalización para facilitar a implantación de empresas no rural coruñés

 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente de Next Educación, o xornalista Manuel Campo Vidal, deron a coñecer esta mañá o curso de especialista en territorio rural intelixente, impulsado pola Deputación da Coruña co apoio de Next Educación.

Esta formación, dirixida polo propio Campo Vidal, pretende axudar a impulsar a dixitalización e a economía circular nos núcleos rurais a través da implementación nos negocios diferentes ferramentas tecnolóxicas e técnicas para acadar o seu desenvolvemento.

O dirixente provincial na súa intervención apuntou que "desde as institucións, principalmente as de carácter local, impulsamos estes cursos para dotar de instrumentos ao mundo rural coruñés e conseguir a súa dinamización".

Formoso incidiu en que "salvar o rural precisa dunha especial sensibilidade por parte das administracións, que necesitan a súa capacidade e os seus coñecementos para acadar unha solución".