O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu onte no Pazo de San Marcos un encontro informativo para os concellos da provincia coa Secretaria de Estado de Turismo, Ana Rosana Morillo Rodríguez, sobre os novos plans do Ministerio e as axudas e subvencións de Patrimonio Cultural (BIC) das que se poden beneficiar as entidades locais. Na xornada, que tivo lugar pola tarde no Salón de Actos, tamén participou o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e asistiron alcaldes e alcaldesas, así como concelleiros e técnicos municipais que traballan no eido turístico.
O obxectivo da reunión foi explicar de primeira man a terceira convocatoria extraordinaria dos Plans de Sostibilidade Turística en Destinos do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ademais doutros programa de axudas e subvencións para os patrimonios catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC), que servirán para potenciar os recursos turísticos dos concellos.