O alcalde debullou este venres algúns dos datos da ocupación hoteleira na cidade que cualificou de “extraordinariamente alta para o mes de xaneiro”, xa que os establecementos traballaron co 50% das súas prazas ocupadas. A estadía media das persoas que nos visitaron sitúase en 1,7 días, sendo o 23% procedentes de Galicia, o 48% do resto de España e o 29% de procedencia internacional, entre os que destaca Portugal que suma o 66% dos visitantes internacionais. De Italia chegou o 5% dos turistas internacionais, de Francia o 3%, de Alemaña o 3% e case o 2% dos EEUU.
“Seguimos tendo unha situación de afluencia hoteleira excepcional, cun turismo absolutamente desestacionalizado”, salientou Caballero.
En canto ao funcionamento do aeroporto no mes de xaneiro, todas as compañías superaron o 50% de ocupación, “datos moi bos”, considerando que todos os voos son a mercado. Así o voo de Vueling a Barcelona rexistrou un 82% de ocupación; o de Ryanair a Barcelona un 77%; a conexión de Air Europa con Madrid un 60%, a de Iberia un 60%; o voo de Binter con Gran Canaria rexistrou un 72% de ocupación e o de Tenerife Norte un 56% mentres o de Air Nostrum con Bilbao acadou o 60% de ocupación.