O concelleiro de Festas de Compostela, Sindo Guinarte, deu conta onte en rolda de prensa da programación do Entroido, que neste 2023 recupera o tradicional desfile de disfraces o martes 21 no que se premiarán as mellores parellas, grupos, comparsas ou carrozas. Na rolda tamén estivo a concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, que explicou a programación específica para estas festas na rede de centros do Concello.
O Entroido arranca en Compostela o sábado 18 de febreiro co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20.00 h da praza do Obradoiro e que irá acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño ata quedar instalado no Pazo de Bendaña. Dende alí escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo de Talía Teatro.
Antes, pola mañá, poderase ir abrindo boca cos obradoiros para os máis pequenos no Espazo Apego (11.00 h e 12.30 h) ou coa animación a cargo da Asociación Folclórica Colexiata do Sar que levará a música e os cantares de Entroido da comarca de Santiago polas rúas da cidade entre as 18.30 e as 20.00 horas.
O resto da programación está disponible neste enlace.