Aposta polo turismo sostible da Deputación da Coruña


 O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou onte no acto de presentación do Plan de Sostibilidade Turística da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle xunto co vicepresidente provincial, Xosé Regueira, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e o presidente da Asociación de concellos da Vía Verde, Antonio Leira.

Ao evento acudiron tamén os alcaldes dos municipios polos que xa discorre a Vía Verde, Juan Manuel Rodríguez, de Cerceda; Antonio Pereira, de Tordoia, e Luís Rey, de Oroso. Non puido asistir o alcalde de Ordes, José Luís Martínez.

Alí o dirixente provincial anunciou que esta primavera darán comezo as obras tramo compostelán da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que agora xa conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, e con esta nova actuación completará o seu treito ata Santiago de Compostela. "Na actualidade xa é a máis longa de Galicia, con 26 quilómetros, e con esta nova ampliación ata a capital galega chegará ata os 36 quilómetros", explicou Formoso.

"Compostela vai poder ofertar unha alternativa de turismo sostible coa creación desta senda, que ofrece unha sensibilidade co medio natural que hoxe é fundamental á hora de falar de turismo" engadiu o presidente."Na actualidade xa hai moitos negocios nos concellos polos que pasa esta Vía Verde que funcionan grazas á súa creación, que ven con moi bos ollos a continuidade deste proxecto, e que coa finalización deste tramo van a seguir medrando", engadiu.