Acción turística para promocionar as 14 festas e feiras máis significativas de Montes e Vales Orientais
O Deputado de Promoción Económica e Social de Lugo, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde da Fonsagrada e tamén presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López Pérez, e os rexedores deste territorio, participou na presentación este xoves no Concello fonsagradino do novo Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. Unha nova acción turística que promocionará as 14 festas e feiras máis significativas dos concellos deste territorio.
Rivera Capón puxo en valor este proxecto “tan interesante e positivo para o desenvolvemento desta zona”, pois supón “un atractivo de excepción que complementa unha oferta turística baseada na riqueza desta terra e no carácter acolledor das súas xentes”. “Sen dúbida, unha das mellores maneiras de coñecer un territorio é facelo desfrutando das súas festas populares e festas tradicionais. Aquí temos 14 propostas, unha por cada un dos concellos deste territorio, un feito que invita a descubrir cos cinco sentidos este destino”, asegurou o Deputado.