O Consello da Xunta autorizou ante a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia coa finalidade de contribuír ao fortalecemento do sector. Esta acción enmárcase na aposta do executivo autonómico para fomentar un turismo de calidade e excelencia. En virtude deste acordo, o Goberno galego investirá 195.000 euros nos próximos tres anos (65.000 por anualidade), para a posta en marcha de actividades que permitan avanzar no fortalecemento do sector, fomentando o seu asociacionismo e facilitando o seu acceso á financiación, formación e promoción. En concreto, o acordo permitirá, entre outras medidas, apoiar a xestión ordinaria do Clúster Turismo de Galicia, impulsar xornadas multisectoriais e grupos de traballo no seo da cadea de valor do sector, realizar actividades de comunicación e sensibilización sobre a importancia do turismo como sector económico en Galicia, así como a posta en marcha doutras accións de colaboración coa Administración autonómica.