A Policía Autonómica interpuxo máis de 1.300 denuncias e investigou a máis de 100 persoas por delictos de furtivismo
A Policía Autonómica (UPA) reforzou o ano pasado a súa loita contra o furtivismo cun aumento de inspeccións, rexistros e denuncias con respecto a 2021. Así o pon de manifesto o balance do que informou ante o Consello da Xunta, centrado nas actuacións desenvolvidas especialmente polo Equipo de Resposta Policial (Grupo ERPOL), ademais de polos equipos de investigación das distintas sedes da UPA nas provincias costeiras e sempre en colaboración coa Consellería do Mar. Segundo o documento, ao longo de 2022 formuláronse 1.358 denuncias fronte ás 907 do ano pasado, o que representa un incremento de case o 50%. O número de vehículos rexistrados medrou un 26%, con 1.939 fronte a 1.544, e as inspeccións pasaron de 2.082 a 2.849, un 37% máis. Estas accións deron como resultado 104 persoas investigadas ou detidas, 6 menos que en 2021.