A Festa do Caldo Galego de Mourente, en Pontevedra, recupera a súa degustación popular nunha XXXI edición que se celebrará o 11 e 12 de marzo
Unha das citas por excelencia do calendario gastronómico por excelencia, a Festa do Caldo Galego de Mourente, regresa este ano con máis forza e sabor que nunca nunha XXXI edición que, tras estes anos marcados pola pandemia, recupera novamente o seu formato habitual e a súa multitudinaria degustación popular no lugar dos Areás. O evento, organizado pola Asociación de Veciños O Castro, celebrarase o sábado 11 e o domingo 12 de marzo, contando con dúas grandes carpas con mesas e cadeiras para albergar a tódolos asistentes en caso de mal tempo, de xeito que poidan estar cómodos e saborear tanto o caldo galego na súa taza de barro xeografiada co nome da festa como a cazola de barro con carne de porco, tenreira, chourizo, patacas e grelos.
A festa gastronómica rende homenaxe a un dos alimentos máis importantes de Galicia en diferentes épocas, un prato exquisito, de sabor e olor inconfundible. O caldo que se preparará seguirá a vella tradición, con elementos imprescindibles como auga de boa calidade, pataca, carne e verduras (fabas, grelos e repolo), todo do país e de primeira calidade.
Entre os víveres encargados para esta Festa do Caldo Galego de Mourente inclúense 299 kilos de carne de tenreira, 84 de lacón, 160 de panceta, 210 de orella, 120 de morro, 60 de cacheira, 70 de chourizos, 60 de galiñas, 100 de espinazos e caparazóns de polos, 10 de fabas, 390 de patacas e 2 de unto, así como 920 monllos de grelos e nabizas e 90 repolos. Para cocer estas cantidades de carne empregaranse 14 olas e 8 tarteiras de 60, 80 e 100 litros.