A empresa municipal Nauta Sanxenxo continuará coa xestión dos 119.757 metros cadrados de superficie portuaria ata 2047 tras lograr unha ampliación na concesión de Portos de Galicia por 20 anos, prazo máximo estipulado pola lei estatal. Os termos da nova concesión, que permitirá seguir apostando por un dos motores económicos e turísticos do municipio, aprobaranse o vindeiro luns en sesión extraordinaria do consello de administración.
A ampliación da actual concesión que vence en 2027 permitirá converter o porto de Sanxenxo nun referente na entrada da Ría de Pontevedra. Unha petición que o goberno vincula a unha serie de proxectos que redundarán na mellora da fachada marítima e que, en ningún caso, suporá custo algún para as arcas municipais e, por tanto, para os veciños de Sanxenxo. O goberno repetirá a través de Nauta Sanxenxo a fórmula de cando comprou e realizou as obras do porto deportivo que se financiaron coa venda das prazas de aparcadoiro, locais comerciais e a explotación das instalacións náuticas e o parking. Unha actividade que permitirá recadar preto de 30 millóns de euros.