A Deputación de Pontevedra mantén o liderado en calidade turística con 300 empresas que optan a revalidar o distintivo SICTED
Neste ano foron 300 as empresas de 32 concellos da provincia que se sumaron e seguiron a metodoloxía do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) para revalidar o seu compromiso coa calidade e optar ao distintivo que o acredita. Este esforzo conxunto do sector público-privado, coordinado pola Deputación de Pontevedra e do que vén de dar conta na Mesa Provincial de Turismo, está a permitir consolidar á provincia como líder estatal en canto a entidades distinguidas polo SICTED tendo xa conseguido converterse neste 2022 no “mellor destino SICTED” do conxunto do Estado.
O 70% das empresas turísticas do SICTED en Galicia están na provincia de Pontevedra. Son 300 en total as empresas da provincia que optan a revalidar ou acadar por vez primeira o distintivo SICTED, representando a diferentes actividades relacionadas co sector turístico. Abranguen dende hoteis e apartamentos (63), ata establecementos de turismo rural (34), restaurantes (28), axencias (19), oficinas de información turística (17), transportes turísticos (16), adegas (15), guías turísticos (13), museos e centros de interpretación (13), bares e cafeterías (12), empresas de turismo activo (11), cámpings (9), albergues (7), comercios (6), portos deportivos (6), taxis (5), entidades relacionadas co turismo de benestar (5), empresas organizadoras profesionais de congresos (4), praias (4), empresas de artesanía (3), de turismo industrial (3) e de alugueiro de vehículos e embarcacións (1), campos de golf (1), convention bureaux (1), espazos escénicos permanentes (1), parques de ocio (1) e entidades relacionadas coa seguridade cidadá (1).