A Deputación de Ourense colabora no proxecto "Aterra" do GDR Limia-Arnoia como "exemplo da suma de esforzos para xerar riqueza e emprego no rural"
A Deputación de Ourense impulsará co seu apoio o proxecto "Aterra", un plan pioneiro promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia para facilitar a creación de iniciativas agrogandeiras a través dun novidoso programa de xestión de terras. Así o avanzou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo no Pazo Provincial co presidente do GDR e alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas; a secretaria do grupo e alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, como membro da xunta directiva; e a xerente da entidade, Eva González.
Tras coñecer os detalles desta iniciativa, Manuel Baltar comprometeu o apoio do goberno provincial a un proxecto que cualificou como "exemplo da suma de esforzos para xerar riqueza e emprego no rural". Unha contribución, dixo, "que pon énfase nun dos grandes potenciais do noso territorio, como son os produtos de calidade, facilitando a recuperación de terras para novas producións agrícolas e gandeiras ".