O presidente abre cunha recepción coa Ministra de Turismo a axenda para promocionar Lugo en FITUR

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abre este martes cunha recepción coa Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, no Museo do Prado de Madrid, unha intensa axenda de actos, presentacións e reunións para promocionar a provincia en FITUR.

José Tomé xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, asistiu hoxe á xornada de apertura dos actos oficiais desta nova edición de Fitur. Desta maneira, o mandatario provincial marca o inicio de máis dunha vintena de actos e encontros nos que participará durante os dous días nos que estará nesta feira, unha das principais do mundo no sector do turismo, que conta con máis de 10.000 empresas expositoras de 170 países e 120.000 visitantes.