Preséntase en FITUR ‘SantiagoNow’, a web que ofrecerá ao turista un plan completo en Compostela

 

A nova web presentouna o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte e a xerente de INCOLSA, Flavia Ramil na Feria Internacional de Turismo que acolle estes días o Ifema en Madrid. O alcalde amosouse optimista na presentación de cara a un ano post-xacobeo, despois doutro de "récords históricos", xa que "xa temos un importante volume de reservas para o próximo ano, contamos cunha ampla variedade de conexións a través de tren e avión e xa hai unha extensa axenda de congresos fixados na nosa cidade" destacou o alcalde.

A cita por excelencia do turismo en España, o gran expositor da oferta turística nacional acolleu esta mañá a presentación do portal ‘SantiagoNow’, unha nova ferramenta con "información actualizada de visitas e tours turísticos, actividades culturais ou de ocio, e dispoñibilidade de prazas de aloxamento no mesmo día" explicou a xerente da empresa municipal de Turismo.