Pontevedra desembarca en FITUR cunha amplia axenda de traballo e o lanzamento de "Orixe Rías Baixas"
A Deputación desembarca este mércores, 18 de xaneiro, en Fitur cunha ampla axenda de traballo marcada polo lanzamento de “Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”, a campaña coa que a institución vai promover o destino Pontevedra Provincia ao longo do 2023. Amais do tiro de saída a “Orixe”, a Deputación ten previstas dúas presentacións máis dos múltiples atractivos que ten o destino tanto para as rodaxes cinematográficas como para a práctica de actividades deportivas. Tamén asinará un convenio con Renfe para a promoción da provincia e recollerá, na Gala Q de Calidade no Palacio de Cibeles, os distintivos Q ao Museo de Pontevedra, o primeiro de Galicia en acadalo, e ás oficinas de turismo da Deputación. Amais, están pechadas reunións de networking con empresas do sector turístico provincial, estatal e internacional e con medios de comunicación, así como apoio aos concellos e mancomunidades da provincia nas súas presentacións na feira.