Os amantes dos produtos gourmet terán unha tentación irresistible en Pontevedra do 3 ao 5 de febreiro coa celebración da III Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade
Despois de alcanzar os 35.000 visitantes o pasado ano, a Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a plataforma #PonteLovers, regresará os vindeiros días 3, 4 e 5 de febreiro nunha III edición que reunirá na Praza de España a preto de 40 expositores. O evento feiral, concibido como un grande escaparate para darlles visibilidade a pequenos produtores da industria alimentaria e xa consolidado como espazo de exhibición dunha variadísima gama de alimentos de calidade saudables, innovadores e diferenciados, desenvolverase en horario ininterrompido, de 11:00 a 21:00 horas, nunha enorme carpa de 40 metros (haberá un expositor exterior).