O Museo de Pontevedra celebra hoxe que é a primeira entidade museística de todo o estado en recibir de maneira conxunta os Premios ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade concedidos polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE). O acto será ás 19.30 horas no Edificio Castelao e contará coa actuación musical do grupo Mallou, coa proxección dun audiovisual sobre o traballo do Museo, con discursos institucionais, así como coa participación de representantes da restauración e hostalería que dispoñen tamén do galardón da Q de calidade na cidade de Pontevedra: Ultramar, Eirado da Leña e Parador de Turismo.
O Museo de Pontevedra recolleu os seus galardóns o pasado xoves na chamada ‘Noite Q’ ao abeiro de Fitur da man da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director Xosé Manuel Rey. Este martes preténdese compartir os premios coa cidadanía de maneira pública. As persoas interesadas en asistir poden facelo inscribíndose para o acto en reservas.museo@depo.gal.