O Museo de Pontevedra segue o seu camiño de consolidarse como un dos centros turísticos de arte máis atractivos do país, un feito que demostra o número de visitantes acadado no último ano. O exercicio de 2022 foi moi bo estatisticamente, superando as cifras anuais da última década con 173.868 visitantes, acadando a cuarta posición na evolución dende o 2005 e quedando ás portas do 2009, cando se chegara a 175.823 visitas.
As cifras superan amplamente as da pandemia e tamén as dos anos inmediatamente anteriores, chegando incluso a duplicar as de 2019. Con respecto ao ano anterior, 2021 (126.775), os datos do pasado 2022 amosan un crecemento de máis de 47.000 persoas. Os mellores meses foron outra vez agosto -no que se rexistrou o récord absoluto da década-, chegando ás 43.755 entradas, e tamén setembro (26.213), xullo (22.299) e outubro (19.149).