O convenio entre Deputación de Ourense e Renfe para o programa de Termalismo Social incorpora a conexión directa por AVE desde o Mediterráneo

 

A colaboración que desde hai dez anos manteñen a Deputación de Ourense e Renfe para facilitar o acceso ao programa de Termalismo Social incorpora en 2023 a conexión directa co Mediterráneo a través da alta velocidade, nomeadamente desde a comunidade valenciana. Así consta no convenio asinado en Fitur polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, que coincidiron en destacar o éxito e solidez dunha alianza institucional que contribúe a potenciar o turismo termal na provincia.

"Temos un termalismo de alta velocidade", afirmou Manuel Baltar trala sinatura do documento, subliñando así a condición de Ourense como territorio europeo co maior potencial termal e a cidade galega mellor conectada coa capital do Estado. Novamente, dixo, "asinamos con Renfe unhas vantaxosas condicións para acceder ao mellor termalismo de Europa, a través do AVE e con descontos especiais, facilitando a planificación dos desprazamentos e facendo máis cómodas as viaxes aos balnearios da nosa provincia".