O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá en abril a representantes de 14 países no XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas

 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá do 20 ao 23 de abril o XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, no que xa teñen confirmada a súa participación representantes de colectivos procedentes de 14 países. O encontro, que se celebra baixo o lema "Camiños de Santiago, camiños culturais. Unha mirada a Europa", conta co apoio da Deputación de Ourense, cuxo presidente, Manuel Baltar, recibiu onte no Pazo Provincial á directiva da asociación cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, co seu presidente á cabeza, José Luis Rodríguez Cid, acompañado polos vicepresidentes José Antonio Quintas -que á súa vez preside o comité organizador do congreso- e Eligio Nieto.