Para a elaboración da candidatura de Santiago non se tivo en conta ao subsector das Vivendas de Uso Turístico, xa que no 2022 este subsector non entrou no proceso de asesoramento polo Ente Xestor do destino. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, destacou que o Sistema Integral de Calidade Turística está "na liña na que queremos evolucionar o noso modelo turístico, un modelo de calidade, rendible economicamente, con mellor calidade no emprego e, en resumo, máis sostible".
O Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recolleu en Fitur o premio a Mellor destino Sicted de España, un premio que lle entregaron a Secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, e o presidente da comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias, Alfonso Rodríguez.
O premio destaca o compromiso do Ente Xestor do destino, neste caso de Turismo de Santiago, en prol da competitividade dos servizos turísticos e do destino en xeral a través do fomento da calidade. Tamén destaca o pulo ao proxecto do Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTED).