Medio Rural da Deputación apoia a promoción de alimentos da Mariña no marco da presentación da plataforma turística Experiencias en Ribadeo
Medio Rural da Deputacion de Lugo apoiou a presentación a nivel estatal da plataforma experienciasenribadeo.com, promovida por Donapubli e orientada á promoción turística de Ribadeo nun acto celebrado na Casa de Galicia, en Madrid, que reuniu profesionais e operadores turísticos de todo o Estado.
A área dirixida por Mónica Freire respaldou a iniciativa a través dun convenio de colaboración, dirixido a poñer en valor a gastronomía e o sector primario como recurso turístico. A responsábel provincial explicou que “a gastronomía é tradicionalmente un dos aspectos que máis valora o turismo á hora de elixir destino, e entendemos que debemos aproveitar ese interese para trasladar ás persoas visitantes e potenciais visitantes, non só a calidade dos alimentos , senón tamén o valor ambiental, social e económico da produción de alimentos, e en xeral do sector primario”. Nese sentido, destacou que “a través destas iniciativas, a promoción turística se converte tamén nunha ferramenta para a promición da actividade comercial de produtores e produtoras de Ribadeo e da comarca”.