Manuel Baltar reivindica a importancia da posta en valor da Vía Nova: "É o momento de facer unha homenaxe á nosa historia"

 

O Barco de Valdeorras acolleo onte unha xuntanza informativa para dar a coñecer o informe sobre a posta en valor da Vía Nova aos alcaldes dos concellos polos que transcorre esta calzada romana. A elaboración deste documento enmárcase dentro do traballo realizado nesta liña pola Deputación de Ourense, Eixo Atlántico e o Concello do Barco de Valdeorras e coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Co título de "Informe sobre a Vía Nova, estado actual e propostas de dinamización para darlle un pulo como circuíto cultural", o documento achega diferentes medidas de recuperación que contan, segundo resaltan, cun gran potencial dinamizador. Este primeiro informe, realizado no marco do proxecto "Hi_Experience" e cofinanciado polo programa POCTEP, nace co obxectivo de estudar medidas para impulsar a Vía Nova, cuxa viabilidade queda proposta a través de candidaturas a fondos europeos nas que se está a traballar de xeito conxunto.