Ferrol exhibe a súa faceta máis artística en FITUR coa creación dunha menina en directo

 

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu a presentación do Concello de Ferrol na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en Madrid ata o día 22 de xaneiro. O evento, co lema ‘Quero Ferrolearte’ e dirixido polo periodista e escritor ferrolán Luis Fraga, centrouse na posta en valor da riqueza cultural e patrimonial da cidade coa proxección de catro audiovisuais promocionais (Meninas, Jazz ao Norte, destino de surf e Semana Santa) e a creación en directo dunha menina a cargo do artista madrileño Sfhir, un dos invitados habituais no Festival Meninas de Canido, que cada mes de setembro se celebra en Ferrol. En apenas 20 minutos e ante todos os invitados ao acto, o creador deu forma a unha nova obra nun lenzo instalado expresamente para a presentación de Ferrol. 


Na presentación participaron, ademais de Mato, o promotor das Meninas, Eduardo Hermida; a concelleira de Turismo, María Teresa Deus, e o presidente da Xunta de Confrarías de Semana Santa, evento co que se pechou o acto. 


Mentres Sfhir plasmaba a Menina, o alcalde da cidade interviu para despertar no público a ilusión por coñecer unha cidade nun acto no que a creatividade foi o fío condutor. Ferrol “envolve ao visitante” nunha “experiencia que vai do arte urbano ao patrimonio histórico pasando pola música”, trasladou.