A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo, continúa coa súa aposta pola promoción de todos os elos que conforman a cadea gastronómica e que, baixo parámetros de calidade e sustentabildiade, se agrupan baixo o selo 'A provincia que sabe'. Así, e por primeira vez, o ente provincial participará cun stand en Madrid Fusión, o congreso global especializado en alta gastronomía que reunirá a público profesional en Madrid dende hoxe ata o mércores.
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira indica que participar en Madrid Fusión "é unha oportunidade para que produtores e cociñeiros da provincia incrementen os seus contactos nun sector do mercado moi exclusivo, máis tamén para que os profesionais que participan no congreso poidan testar a calidade e a competitividade dos nosos produtos e da nosa cociña". Ao igual que en anteriores feiras gastronómicas, a Deputación aposta pola presenza directa de produtores no stand institucional. Nesta ocasión, estarán presentes a Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxia), A Conserveira (A Pobra do Caramiñal), La Despensa D'Lujo (Coristanco), Costumes Galicia Empanada Artesá (Carballo), Queixería Galmesán (Arzúa) e Choiva Viños (viños da I.X.P. Betanzos e da I.X.P. Barbanza e Iria).