Coruña leva a Fitur ‘Os Fogóns do Anllóns’ co obxectivo de posicionalo como destino gastronómico diferenciado
O proxecto 'Os Fogóns do Anllóns' vén de ser presentado en Fitur marcando como obxectivo posicionar os cinco concellos que integra – A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana-, como un "territorio gastronómico diferenciado" e que "destaque a nivel estatal e internacional". Así o definiu o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, durante a súa intervención institucional na presentación desta mañá.
Xosé Regueira estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, polo alcalde de Cabana, José Muíño, e pola cociñeira do restaurante Pementa Rosa de Carballo, Rocío Martínez, nun acto que estivo conducido polo xornalista Santiago Garrido. Unha representación coa que a Deputación tamén quixo poñer en valor a colaboración institucional a todos os niveis que fixo posible que 'Os Fogóns do Anllóns' sexa un dos proxectos financiados con fondos europeos no marco dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino.