Concello e Deputación asinan a cesión de Santa Clara, que pasa a formar parte do Museo de Pontevedra

 

A xestión de Santa Clara e todo o proceso de musealización e rehabilitación que se fará deste emblemático espazo pontevedrés pasa ás mans da Deputación de Pontevedra. Concello e Deputación así o deixaron por escrito esta mañá de martes, 3 de xaneiro, nunha xornada histórica para o antigo convento, coa que comeza un novo capítulo, xa como equipamento do Museo de Pontevedra.

O acto da sinatura realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, foi seguido dunha entrega de case unha decena de chaves que abren diferentes estancias de Santa Clara. O vicepresidente da Deputación tamén estivo presente durante este intre, ao igual que o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, o secretario da Deputación, Carlos Cuadrado Romay, o concelleiro de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, e a xefa de xestión administrativa do Museo, Sonia Mateos.