Cheché Real presentará en Fitur unha nova edición da guía …E para comer, Lugo


O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), Cheché Real, presentará o vindeiro mércores, 18 de xaneiro, na Feira Internacional de Turismo de Madrid un novo volume, o décimo quinto, da colección de guías turístico-gastronómicas da provincia de Lugo …E para comer, Lugo.

No acto, que terá lugar a partir das 14:30 horas no stand de Galicia en Fitur, Real dará a coñecer a publicación titulada Lugo, destino para las cuatro estaciones.

Esta nova publicación viaxa este ano polas diferentes localidades da provincia ofrecendo recomendacións de lugares máis ocultos, pero igualmente marabillosos, sen deixar atrás espazos máis coñecidos da natureza, do patrimonio, da cultura e da gastronomía de todos e cada un dos concellos lucenses, sempre pensando na mellor época do ano para visitalos.

Así, a primavera, o verán, o outono e o inverno son os catro eixes diferenciadores nos que se subdividiron os 67 concellos de Lugo.

Non falta neste volume, como xa vén sendo habitual, o repaso polas diferentes actividades gastronómicas que desenvolveu a Asociación ao longo do ano en toda a provincia, os diversos concursos de tapas, a participación por décimo ano en La Vuelta e o directorio completo con todos os establecementos de hostelería asociados á Apehl.