Ano histórico para os Castelos de Soutomaior e Sobroso

 

2022 foi un ano histórico para os Castelos de Soutomaior e Sobroso que conseguiron unha excepcional cifra de visitantes nunca alcanzada antes. Castelo de Soutomaior segue a ser unha das xoias do patrimonio da Deputación e este ano pasaron polo seu interior 37.800 visitantes, aos que hai que engadir as miles de persoas que visitaron os seus xardíns, declarados de Excelencia Internacional en Camelia. A gran afluencia deste ano que remata únese á crecente demanda experimentada desde 2018 cando a institución provincial realizou a ambiciosa musealización da fortaleza. De feito desde a súa estrea a cifra de visitantes elévase ás preto de 150.000 persoas. A variedade de percorridos que se ofrecen, as experiencias para maiores e pequenos e as actividades postas en marcha xustifican estas cifras históricas de visitantes que, por exemplo, neste Nadal superaron con creces os datos obtidos nestas datas en anos anteriores, con preto de 5000 visitas para desfrutar do alumeado e a decoración amais do mercadiño.