A Deputación e o Concello de Vimianzo asinan o convenio para a xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín
O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, e a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, veñen de asinar o convenio de cooperación para a xestión con atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades do Castelo de Vimianzo e tamén dos Batáns do Mosquetín durante o 2023. A achega da Deputación sitúase nos 120.000 euros, dos cales 102.000 destinaranse para o Castelo e os 18.000 restantes para os Batáns.
Entre as obrigas contraídas polo Concello de Vimianzo están a de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do Castelo, á Mostra e aos Batáns; a abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no acordo (o Castelo, de martes a domingo, excepto Nadal e Aninovo; e os Batáns, de luns a domingo) e a elaborar unha estatística de visitas mensual e de xeito obxectivo e valorable.