A Deputación de Pontevedra axiliza a posta en marcha do programa En ruta coa Depo para o ano 2023

 

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos para acelerar a posta en marcha dos seus programas sociais con maior participación. Deste xeito, tras aprobar as bases reguladoras a principios de mes, a Xunta de Goberno provincial vén de dar luz verde ao expediente de contratación para licitar a posta en marcha da vindeira edición do 2023 do programa “En Ruta coa Depo”, que ofrece alternativas de ocio, turismo e tempo libre ás asociacións e entidades do territorio .

Para o vindeiro ano En Ruta coa Depo volverá ofrecer un total de 20.000 prazas, cun orzamento previsto de licitación de preto de 480.000 euros. Hai que lembrar que este é o programa con maior concorrencia dos ofertados pola institución, e desde a súa posta en marcha no ano 2016 participaron máis de 93.000 persoas.

As rutas están divididas en itinerarios temáticos, culturais, marítimos, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. A novidade para o vindeiro ano será a ruta O Pobo Galaico, que transcorrerá por Pontevedra e Cuntis.