A Deputación dá un paso máis no impulso dun turismo de calidade e sostible co lanzamento en Fitur da campaña Lugo, provincia románica

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves no stand de de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a nova campaña de promoción turística lanzada pola institución provincial, Lugo, provincia románica, coa que dá un novo paso na súa estratexia para impulsar o turismo de calidade e sostible. Así o explicou Tomé Roca na presentación deste mediodía, na que estivo acompañado polo protagonista da campaña, o actor Chechu Salgado, natural de Sober e que foi distinguido co Goya ao Mellor Actor Revelación no 2022.

“Chechu Salgado é un bo representante do gran talento emerxente que temos na provincia de Lugo, neste caso, no audiovisual. Por iso, parecíanos o mellor embaixador posible para facernos mirar cos ollos e valores de hoxe o rico patrimonio centenario da nosa provincia”, loou Tomé Roca, que destacou que a presencia da Deputación en Fitur “un ano máis, representa unha nova etapa no desenvolvemento do modelo de turismo sostible e de calidade que vimos fomentando”.

O promocional da Deputación, tal e como relatou o propio actor sobre o escenario de Fitur, amosa a viaxe sensorial de Chechu Salgado pola provincia. Un audiovisual no que a paisaxe e o rico patrimonio do territorio acompañan ao intérprete para compartir cos espectadores a experiencia única que viven os visitantes que escollen Lugo como destino turístico.