O Concello de Tomiño ten entre as súas prioridades a revalorización do espazo público para o desfrute da veciñanza, polo que se adheriu á Rede Ágora, unha iniciativa de Deputación de Pontevedra que busca devolver o espazo público ás persoas. Agora, ao abeiro desta iniciativa, Tomiño vén de recibir unha subvención de case 46.000 euros para a redacción de cinco novos proxectos de recuperación de espazos públicos e a creación de sendas peonís e ciclables.
A maior parte da subvención, con case 35.000 euros, irá destinada a tres proxectos de mellora da mobilidade peonil e ciclable entre os equipamentos na Avenida de Ordóñez e na Avenida de República Arxentina, tanto na fase I como na fase II desta iniciativa. Xunto con estes proxectos, a Rede Ágora subvencionará tamén con máis de 5.600 euros o acondicionamento do torreiro de Taborda, así como o da contorna do torreiro de Vilameán, que contará cunha axuda doutros 5.600 euros.
Estes proxectos camiñan na liña estratéxica establecida polo Concello de recuperación de espazos públicos para as persoas, “transformando as nosas rúas, xerando novos espazos de encontro e convivencia atractivos para a veciñanza e mellorando a calidade de vida de todos e todas”, como sinala a alcaldesa, Sandra González.