Taboada (Lugo) acolle o sábado a segunda edición do mercado Petiscos de Nadal

 

O concello lucense de Taboada acollerá o sábado a segunda edición do mercado Petiscos de Nadal, unha cita gastronómica organizada polos comerciantes que se celebrará na praza de Riazón. O evento congregará expositores artesanais que promoverán e porán en valor os produtos e gastronomía da Ribeira Sacra. A Deputación de Lugo apoia esta iniciativa cunha achega de 6.000 euros. 
A deputada de Turismo, Pilar García Porto, destacou que "unha das principais liñas de actuación da institución provincial é o apoio ós sectores produtivos, sobre todo os estratéxicos e que contan cun gran potencial na nosa provincia, como son o primario e o de servizos".
García Porto explicou que "a artesanía e a posta en valor dos produtos locais son un elemento a potenciar". Puxo de manifesto a relevancia de "manter e recuperar as tradicións, pero tamén achegar ao rural as novas tecnoloxías que permitan difundir estes produtos e as infraestruturas viarias que permitan comercializalos". 
O programa de actividades de Petiscos de Nadal está a disposición dos interesados na web da Deputación.