Pontedetapas 2022 xa ten gañadores: o Vacalao ‘Do cru ao cocinao’ de El Cafetín e os Canelóns de xarrete de vaca galega de Gumer

 


Os concelleiros de Promoción Económica e de Desenvolvemento Sostible, Yoya Blanco e Iván Puentes, presidiron esta tarde no Gastroespazo do Mercado de Abastos a entrega dos galardóns do certame Pontedetapas 2022, nun acto ao que tamén asistiu o edil de Benestar Social, Marcos Rey, e no que participaron o presidente da asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Daniel Lorenzo, e o seu secretario, Antonio Fernández. Tanto os votos da cidadanía como xurado popular como os profesionais coincidiron á hora de elixir aos vencedores desta edición do concurso da gastronomía en miniatura: ámbolos dous outorgáronlle ao Vacalao ‘Do cru ao cocinao’ da gastroteca El Cafetín o premio á mellor Tapa Creativa e aos Canelóns de xarrete de vaca galega do restaurante Gumer o premio á mellor Tapa Tradicional.
Tamén recibiron galardóns, como segundos e terceiros clasificados nas diferentes categorías, o Bocadito Crujiente Langostino de Cre-Cottê (2ª Tapa Tradicional do xurado popular), os Trasmallos entre Neboeiro de Loaira Xantar (2ª Tapa Creativa do xurado popular), o Novembro Salgado de Cafetería Sonata (2ª Tapa Tradicional do xurado popular), o Brioche de Carrilleira de A Gramola (3ª Tapa Tradicional do xurado popular), o ‘Viva México… Gambones’ de Tabula Rasa (3ª Tapa Creativa do xurado popular), as Ínfulas e Pataca ao Medio Polo de Soulbeer (3ª Tapa Tradicional do xurado profesional) e o Porrogreen de Padal da Santiña e a ‘Ovella que bala…’ de Bocarte (que comparten o ‘bronce’ como 3ª Tapa Creativa do xurado profesional).
Yoya Blanco destacou “o tremendo nivel e a dificultade de elaboración dos petiscos presentados a un certame ‘clásico’ que regresou tras dous anos de parón pandémico e que contou coa participación de 25 establecementos da cidade (que presentaron 26 tapas)”. O Pontedetapas 2022 trouxo ademais consigo unha novidade: a estrea dun novo sistema de votación dixital do público no que as puntuacións de cada petisco puideron realizarse a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local.
“Os votos da cidadanía determinaron que o Vacalao ‘Do cru ao cocinao’ da gastroteca El Cafetín será, como mellor Tapa Creativa, a Tapa de Pontevedra, o petisco que representará á nosa cidade no certame autonómico De Tapas por Galicia, organizado pola Xunta, no que competirán as sete grandes cidades galegas e no que se decidirá cal é a Mellor Tapa de Galicia”, subliñou a concelleira de Promoción Económica.
Os ganadores e ganadoras de Pontedetapas 2022 son os seguintes:
Premios do xurado popular:
Tapa tradicional:
1º Gumer. Canelóns de xarrete de vaca galega
2º Cre-Cottê. Bocadito Crujiente Langostino
3º A Gramola. Brioche de Carrilleira
Tapa creativa:
1º El Cafetín. Vacalao ‘Do cru ao cocinao’ (calificación como Tapa de Pontevedra)
2º Loaira Xantar. Trasmallos entre Neboeiro
3º Tabula Rasa. ‘Viva México… Gambones’
Premios do xurado profesional:
Tapa tradicional:
1º Gumer
2º Sonata. Novembro Salgado
3º Soulbeer. Ínfulas e Pataca ao Medio Polo
Tapa Creativa:
1º El Cafetín
2º Loaira Xantar
3º Compartido: O Padal da Santiña (Porrogreen de Padal) e Bocarte (‘Ovella que bala…’)